Saturday 20 de April de 2024

Unha ducia de bandas subíronse ao escenario por unha causa solidaria a través do Festival Solidario ‘Isla Bonita’


• A axuda recadada destinarase a asociacións animalistas da illa da Palma, que segue a estar afectada pola erupción do volcán de Cumbre Vieja.

Unha ducia de bandas de Malpica e doutras zonas da provincia da Coruña subíronse ao escenario no Festival Solidario ‘Isla Bonita’ que organizou o Concello de Malpica en colaboración coa Asociación Cultural e Deportiva Salitre.

A celebración deste festival solidario tivo como obxectivo recadar fondos para colaborar cos afectados pola erupción volcánica da illa de La Palma. Entre os grupos e artistas convidados atópanse o Mago Carlangas, Meigallo da ACD Carcaxía, Gaiteiros da AC Malante, Salitre no Pupitre, Xurxo Souto, O Pau Ke Vira, Juampiños, Improvisóns, Cantareiras da AC Raigañas, Las Antonias, Amenaza de Muerte e DJ SIL.

A concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro, lembrou que, con esta actividade, “Malpica buscou aportar un pequeno grao de area co que facilitar a recuperación económica nunha situación dramática para centenares de familias”. “A entrada en actividade do volcán Cumbre Vieja provocou a destrución de vivendas, edificios e plantacións, forzando o desprazamento das persoas residentes e tamén de moitos animais salvaxes e domésticos”, sinalou.

Neste sentido, a concelleira lembrou que “o proxecto pretende contribuír á mellora da atención aos animais desprazados polos efectos derivados da actividade volcánica e a evacuación da poboación”.